ABP

Na busca dunha metodoloxía educativa.10 preguntas

1ª Onde estamos? As bases. Os alicerces da educación.

Camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar, decía o poeta. Non chegamos aquí sen que moitas mestras e mestres, pedagogas, psicólogos, “profes e profas” …. fosen facendo camiño. Estamos no punto no que nos atopamos grazas ao traballo por proxectos de John Dewey ou W. Kilpatrick xa desde fins de s XIX, á construción do termo globalización aportada por Claparede eo sincretismo, á escola de Gestalt ou da forma – lembrade: as percepcións humanas preséntanse con unidade, coma un todo-, grazas aos centros de interés de Decroly – recordade: observación, asociación, expresión. Chegamos ata aquí polo estudo das etapas do desenvolvemento de J. Piaget – Só que pode resultar interesante e motivador, que plantexa un problema ten posibilidades de xerar conflitos cognitivos e,xa que logo, aprendizaxe-, grazas á aprendizaxe significativa de Vigotsky e Ausubel, ás últimas aportacións da neuroeducación – a emoción e a sorpresa – ou das intelixencias múltiples de Howard Gardner, e grazas a Montesori, Freinet, Paulo Freire,  a Tonucci e os Movementos de Renovación pedagóxica,  e a Neill e o seu Summerhill….

Ah!…. e grazás a nós. Cada un de nós temos un camiño percorrido, construido. Un camiño no que confluimos con algúns pero non con outros, que nos trouxo ata aquí e ata hoxe, que nos xerou interrogantes pero que tamén nos deu respostas, certezas, inquedanzas e motivos para seguir dando pasos.

E ti, onde estás?

2ª Que queremos? Os obxectivos.

Cal é o obxectivo? Respostar a preguntas que as alumnas nunca fixeron? Encher a cabeza do alumno de contidos, conceptuais na súa maioría e repetibles mecanicamente tal e como se lles presentan ao alumnado?  Ou proporcionar ferramentas para a vida, ferramentas para pensar, criricar, buscar, analizar, investigar, sintetizar e concluir, expresarse e comunicar?

Non é máis competente quen máis sabe senón quen mellor resolve unha tarefa uitilizando o que sabe. As rapazas e rapaces deberían estar activamente  involucrados no proceso de intentar comprender mellor o mundo no que viven, de estar dotados de maiores competencias. En definitiva, de aprender.

E ti, que queres?

3ª Humanizamos? As variables.

Como e para que está pensado o sistema educativo? Para cuantificar, clasificar por resultados numéricos baseándonos en aspectos facilmente observables? Exames e probas meramente memorísiticas e que acaban nun simple e frío número. “Suspendín …. Saquei un 4,78!” Avaliamos o traballo de tres meses con dous ou tres números que reflexan o feito en outros tantos exames. E nada máis?

Deixamos fóra do sistema variables dificilmente obxectivables, pero imprescindibles, no proceso avaliativo da evolución da aprendizaxe dos nosos alumnos e alumnas: sentimentos, emocións, capacidades, potencialidades, relacións, imaxinación, creatividade, colaboración e cooperación,…. Intelixencia?

E ti, que avalías?

4ª Que facemos? As decisións.

Na busca do que queremos, dos nosos obxectivos coma educadores e educadoras, temos que tomar decisións que afectarán a moitos aspectos: sociais, políticos, organizativos, curriculares …. Pero, talvez,  hai unha decisión que o pode cambiar todo: a metodoloxía de traballo. Esta determinación que afecta ao tipo de ensino que se persegue, debe respostar a 5 cuestións básicas:

  • Que valores? As guías de comportamento da sociedade, ás veces quedan esquecidos entre contidos que agochan realmente outros valores moi distintos.
  • Que actitudes? Xa que logo, a disposición ou modos de actuar serán uns ou outros.
  • Que formas de análise e pensamento? En sociedades libres, pensamento libre: investigación, análise, observación, crítica, planificación e uso de estratexias, transferencia de aprendizaxes e coñecementos, pensamento sistémico…
  • Que clase de experiencias e recursos?: Quedamos na clase?, usamos recursos dixitais?, o libro é a única fonte de información?, saímos?
  • Que tipo de interaccións? O traballo en equipo e as interaccións con membros da comunidade preséntanse coma imprescindibles.

E ti, que decides?

5ª Cal é o ideal? A metodoloxía activa.

Segundo as decisións que tomemos, colleremos un camiño ou outro, traballaremos dun xeito ou doutro. E para resolver esta cuestión,  seguimos coas preguntas:

Cal é ou debería ser o papel da profesora ou profesor? Un mero trasnmisor de coñecementos ou un creador de situacións de aprendizaxe?

E cal debería ser o papel da alumna ou alumno? Podería ter unha escoita activa, tomando apuntes, lendo, facendo esquemas, estudando, facendo preguntas, facendo os deberes … Ou podería tomar parte activa nos procesos buscano material e información, traballando en equipo, relacionando, analizando, avaliando, organizando ….

Propoñemos a metodoloxía activa coma forma axudar ao alumnado a aprender por si mesmo, partindo dun reto ou problema ou mesmo  dunha pregunta, propoñéndolle tarefas secuenciadas para chegar a un produto final que complete o reto, solucione o problema ou resposte á pregunta. Durante o proceso, traballamos:

  1. Contidos curriculares: estándares de aprendizaxe seguindo o currículum oficial (… e máis)
  2. Ferramentas: mapas conceptuais, resumes, investigacións, entrevista, ferramentas TIC …
  3. Procesos intelectuais: análise, síntese, reflexión, crítica, avaliación, socialización, emoción …

Tanto as ferramentas coma os procesos intelectuais – mesmo tamén os contido – son extrapolables a outras situacións, perfeccionando progresivamente a aprendizaxe e mellorando as estruturas intelectuais e emocionais como persoa e cidadán libre.

En resume, para aprender o alumno/a ten que …

… facer, actuar, investigar, experimentar.

… interactuando, traballando e aprendendo en grupo.

… e activando a curiosidade, a emoción, a sorpresa.

                E ti, que papel escolles?

6ª Damos sentido? A aprendizaxe significativa.

Realmente dámos sentido, ou máis ben, o alumnado dá sentido ao que aprende? Proba a presentalles  aos alumnos un texto coma este:

A ramoneda sortiza é o compo de ramonedas que o tropo trona para roceter as súas peteas, tanto vestas coma non vestas. Con estas ramonedas gapamos trans e trons. As metisas gapan trans e trons para que o tropo rocete as súas potas.

De seguro serán quen de contestar a preguntas coma estas:

Que é a ramoneda sortiza?

Que 2 tipos de peteas hai?

Que gapamos con estas ramonedas?

Que gapan as metisas?

Para que ?

Probaches? Fuches quen?

É esa aprendizaxe significativa? Outros camiños son posibles.

E ti, significas?

7ª Actividades? As secuencias didácticas.

“E para mañá as actividades da páxina 22 e 23, da cinco á dezasete. E quero copiados os enunciados”  Esta é unha frase que todos temos oído ao final dunha clase, na que aparte da voz do ensinante de turno apenas se fixemos nada, palabras baleiras que esqueciamos tan pronto coma ,de ter sorte, aprobabamos o pertinente exame.

Este, definitivamente, non é o camiño se realmente o que perseguimos  é o ideal dun ensino activo, no que o alumnado esté involucrado no proceso de intentar comprender mellor o mundo no que vive; dito á maneira de moda, que estean dotadas e dotados de maiores competencias; non imos ben orientados se de verdade buscamos que os rapaces e rapazas aprendan, e en último caso, aprendan a aprender.

En consecuencia, as tarefas – cada proxecto pode ter unha ou varias tarefas –  que o alumnado leve a cabo non teñen que ser senón…

… actividades secuenciadas, estruturadas e cunha fin lóxica.

actividades abertas, flexibles, contextualizadas e cun obxectivo claro, a resolución dun problema, un reto ou a realización dun produto final que conleva o traballo de

… contidos diversos

… diferentes procesos intelectuais

… ferramentas múltiples

… propostas individuais e grupais.

… actividades non ailladas e se sentido.

Durante o traballo nas tarefas propostas, o alumno/a investiga, describe, explica, … critica o mundo que lle rodea cara …

… o exterior: saímos afora, entramos en contacto coa realidade na que vivimos.

… a obxectivación: Buscamos nformación, sintetizamos e entendemos, é deccir, ordeamos, organizamos, estruturamos, tentando darlle unha lóxica.

… a interiorización: procesamos a información: análise, síntesse, reflexión, relación, creación, comunicación, expresión, interacción …

… a socialización: Interacción dinámica onde educadores, alumnado e sociedade teñen unha función específica. O traballo con dinámica de grupos é,polo tanto, unha ferramenta básica.

E ti, activas?

8ª Comunicamos? A comunicación.

Trátase dun traballo intelectual no cal tentamos expresar os coñecementos adquiridos no esforzo previo de comprensión, utilizando diferentes tipos de linguaxe ( textual –oral  e escrito-, a través da imaxe – fotográfica ou vídeográfica-, ou outra calquera que se nos ocurra) e asegurando deste xeito a adquisición e interiorización de coñecemento significativo.

Glosarios, guións de traballo, presentacións, vídeos, fotografía, blogues ou wikis, hipertextos, actividades on-line, teatro ou performance, radio, obradoiros, poden ser algúns exemplos comunicativos.

E ti, comunicas?

 

9ª Traballamos xuntos? A interdisciplinariedade.

Os curriculums son demasiado amplos, teóricos, pechados, mal adaptados á mente dos alumnos e alumnas, estes non os entenden (nen no sentido estritamente disciplinar nen na súa dimensión funcional). Están mal estruturados e distribuidos, cunha coordinación interdepartamental inexistente. Sinxelamente, a maioría das veces as e os profesores seguimos a liña que nos marcan nen sequera eses curriculums, senón directamente os libros de texto.

“Non falta quen ironicamente declare que o único que serve de conexión entre as distintas clases nun centro escolar son as cañerías da calefacción ou o tendido eléctrico. Poucos estudantes son capaces de vislumbrar algo que permita unir ou integrar os contidos ou o traballo, en xeral, das diferentes asignaturas ” (Jurjo Torres Santomé)

A concepción funcionalista do curriculum dificulta a tarefa de globalización e interisciplinariedade.

Un ensino que supoña un traballo interdisciplinar enriquece a alumnas e alumnos, a profesoras e profesores, e, ende ben, a toda a sociedade. Por unha parte, o traballo interdisciplinar supón unha maior e mellor coordinación intra e interdepartamental, un coñecemento máis profundo do curriculum que leva a unha optimización do mesmo e leva ao profesorado en xeral a un enriquecemento científico da súa materia en relacións ás demais, asemade a unha visión máis globalizada do obxecto de aprendizaxe. Pola súa parte, alumnas e alumnos se sentirán mais capacitados para enfrontarse aos problemas que se lles plantexen indo máis alá dos límites que cada materia lles marca, e xa que logo poderán transferir as solucións a outras situacións, botando man da transferencia de aprendizaxes e coñecementos. A sociedade no seu conxunto sairá gañando, disfrutando dunha cidadanía máis reflexiva, preparada, activa, crítica e consciente da realidade na que viven.

E ti, traballas só?

10ª Proxectamos? O traballo por proxectos.

As ideas que se foron amosando nas nove preguntas anteriores conflúen  na forma de traballo que porpoñemos: o traballo por proxectos. Esta práctica educativa resume moi claramente as ideas clave que poderiamos resumir na implicación do profesorado na construción do camiño, a busca do ideal dunha aprendizaxe significativa e comprensiva, con decisións conscientes na busca da humanización e da metodoloxía activa cunha secuenciación do traballo en tarefas estruturadas, coherentes e contextualizadas nun traballo interdisciplinar.

E ti, que proxectas?